logo EDA
Navbar
  • Aula
  • Campus
  • Es de libro
  • Taller
  • Outros Recursos
imagen-blog
  1. comezo
  2. Blog
  3. Artigo

Blog

Dúbidas sobre propiedade intelectual nos traballos do alumnado

19/02/2026

O desenvolvemento de contidos por parte do alumnado é unha parte esencial do proceso de aprendizaxe. É habitual que estes elaboren redaccións, presentacións e outros contidos, incluídos materiais multimedia. Por iso é importante que exista unha formación sólida en materia de dereitos de autor, dado que a elaboración destes contidos comporta o uso de fontes de información de diferente natureza. Tamén é importante saber que todos estes traballos están protexidos por dereitos de autor desde o momento da súa creación, sempre que foren orixinais. 

Comprender como se aplican os dereitos de autor aos traballos do alumnado e resolver as dúbidas que xorden ao respecto permite actuar con seguridade xurídica no ámbito educativo e, ademais, forma parte da necesaria educación en propiedade intelectual que deben recibir os estudantes. 

Están protexidos os traballos do alumnado? 

Están, si. Os traballos do alumnado están protexidos por dereitos de autor sempre que sexan orixinais. Protéxense todas as obras independentemente da súa calidade, sempre que foren o resultado de decisións creativas propias. Isto afecta tanto a unha redacción como a un proxecto escolar de maior envergadura, tamén a vídeos, fotografías ou presentacións dixitais. A autoría corresponde sempre ao alumno que realizou a creación. 

O profesorado ten dereitos sobre os traballos que titoriza? 

É usual que xurda a dúbida de se os docentes adquiren dereitos de autor cando dirixen ou supervisan a creación dun contido por parte do alumnado. A suxestión de melloras ou a titorización non converte o docente en coautor do traballo desenvolvido polos alumnos. Só se o docente participa creativamente na elaboración do contido, de xeito directo e orixinal, podería adquirir dereitos de autor sobre a parte que crease. 

Pode o docente reutilizar traballos de alumnos doutros cursos? 

Utilizar traballos do alumnado como exemplo ou material didáctico é un recurso habitual na práctica docente. Porén, é importante ter claro que non todos os usos requiren autorización previa. 

Cando a utilización se realiza dentro da actividade educativa, por exemplo, na aula ou en tarefas de avaliación, pode aplicarse o límite legal de ilustración con fins educativos previsto na Lei de Propiedade Intelectual, sempre que o uso estea xustificado pola finalidade docente, non exista ánimo comercial e se indique a autoría e a fonte. 

Pola contra, se o traballo vai difundirse fóra dese contexto –por exemplo, na web do centro, redes sociais, publicacións institucionais ou materiais promocionais– si será precisa a autorización do autor. En caso de menores de idade, deberá obterse dos seus representantes legais e convén que sexa expresa e referida ao uso concreto que se pretende realizar. 

Publicar traballos do alumnado: web do centro e bitácoras educativas 

Outra cuestión frecuente é se o centro educativo ou o profesorado poden publicar traballos de alumnos na web do colexio, nunha bitácora ou en redes sociais. A publicación só é posíbel con autorización previa do autor ou, en caso de menores, dos seus representantes legais. 

Só os autores dos traballos poden decidir sobre a súa publicación, dado que son os titulares dos dereitos. Alén diso, poden decidir se queren que a súa obra apareza asinada co seu nome, cun pseudónimo ou de xeito anónimo, e se autorizan ou non a súa reutilización por terceiros. Se é o centro ou o profesorado quen desexa publicar eses traballos, debe solicitar previamente autorización expresa. 

Integrar a propiedade intelectual na práctica educativa non é só unha cuestión legal, senón unha ferramenta para formar cidadáns críticos, responsábeis e respectuosos coa cultura escrita. 

Se queres saber máis sobre dereitos de autor na aula, a Escola do Dereito de Autor (EDA) pon a disposición de docentes e centros educativos recursos, artigos e materiais prácticos que che permiten resolver dúbidas e mellorar a formación en propiedade intelectual aplicada ao ámbito educativo. 

© Imagen: Motizova.

Habilidades dixitais

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Alfabetización mediática

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Dereitos de autor

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Lecturas

  • Primaria
  • Secundaria
  • Bacharelato
  • Universidade
logo-footer
logo-Ministerio- Educaci
logo-nextgenerationEU
logo-plan-recup-GALLE

2025 © Centro Español de Derechos Reprográficos

  • Mapa Web
  • Aviso Legal
  • Política de privacidade
  • Política de cookies
Usamos cookies de análisis (Google Analytics) para mejorar la experiencia. Puedes aceptar o rechazar su uso.