logo EDA
Navbar
  • Aula
  • Campus
  • Conversas dixitais
  • Es de Libro
  • Taller
  • Outros Recursos
    • #RetoEDA
    • Guías de propiedade intelectual
    • Seminarios web
imagen-blog
  1. comezo
  2. Blog
  3. Artigo

Blog

Como os dereitos de autor protexen o futuro dos libros que lemos

03/07/2026
Equipo EDA

A lectura, xunto ás experiencias, son a base dos nosos coñecementos. A través dos libros formámonos, mais tamén revivimos historias creadas por outros que acaban formando parte da nosa bagaxe cultural. En definitiva, somos o que lemos.  

Porén, poucas veces nos formulamos o que fai que un libro chegue ás nosas mans ou quen están detrás del. Os libros son o resultado dun importante esforzo creativo dun autor ou autora que, ademais, convive cun interesante ecosistema que fai posíbel que siga creando: os dereitos de autor. 

Grazas aos dereitos de autor, a literatura, o coñecemento e a cultura escrita perduran. Sen eles non existiría unha xusta remuneración para os seus creadores. Por iso, é fundamental que a sociedade comprenda que deben ser respectados. 

A propiedade intelectual como piar da sustentabilidade cultural e educativa 

A propiedade intelectual parte da premisa de que quen crea unha obra ten dereito a que se recoñeza a súa autoría e a decidir sobre como se utiliza a súa creación. No caso da cultura escrita, este vínculo entre o escritor e o seu texto non se perde ao publicalo, independentemente do soporte en que o faga, senón que continúa estando protexido e amparado pola Lei de Propiedade Intelectual.  

 

Esta protección afecta tamén o uso secundario das obras, quer dicir, cando se reutilizan extráense fragmentos para presentacións, traballos, citas e outras cuestións. Esta protección é a que fai sustentábel a cultura, pois, sen ela, desaparecerían os incentivos para crear. 

O valor invisíbel detrás de cada páxina: o esforzo e o traballo do autor 

Cada obra escrita condensa un traballo que en moitos casos é invisíbel. Detrás de cada páxina hai meses –ás veces anos– de documentación, escrita e reescrita por parte do autor e, xunto a el, intervén todo un equipo de editores, correctores, deseñadores, tradutores e libreiros que fan posíbel que a creación chegue ás mans do lector. 

A través dos dereitos de autor recoñécese ese valor invisíbel, e para iso existen dúas vías que convén distinguir porque protexen realidades distintas, os chamados dereitos morais e os dereitos de explotación. 

«A propiedade intelectual parte da premisa de que quen crea unha obra ten dereito a que se recoñeza a súa autoría e a decidir sobre como se utiliza a súa creación». 

 

Os dereitos morais: o vínculo irrenunciábel entre o escritor e a súa obra 

Os dereitos morais buscan a protección do autor a través do recoñecemento non só do seu traballo, senón tamén do da obra como froito da súa personalidade. Estes dereitos morais garanten ao autor ou autora que sexa quen decide se a súa obra se divulga ou non, se se fará co seu nome ou baixo pseudónimo e que sempre será recoñecido como autor da obra.  

Estes dereitos morais son irrenunciábeis e inalienábeis, quer dicir, o autor non pode nin vendelos, nin cedelos, aínda que quixese. Tamén son imprescritíbeis, o que significa que a paternidade sobre o texto e o dereito á integridade da obra, que impide modificala ou deturpala, son perpetuos. Isto garante que calquera obra seguirá levando o nome de quen a escribiu moito despois de publicarse, traducirse ou adaptarse. 

Os dereitos de explotación: o motor que sostén o sector editorial 

Os dereitos de explotación –tamén coñecidos como patrimoniais– son os que fan posíbel obter un rendemento económico da obra. A diferenza dos morais, si poden cederse. Estes dereitos outorgan ao autor a exclusividade á hora de decidir se a súa obra vai ser utilizada ou non, e en que forma. Estes dereitos exclusivos só deixan de ter efecto nos casos concretos en que a lei así o estabelece a través dos límites ou excepcións aos dereitos de autor. Algúns deles van unidos ao pagamento dunha remuneración ou compensación para o autor e editor polo uso da obra que directamente autoriza a lei.

Grazas a estes dereitos, un escritor pode vivir do seu traballo e unha editorial pode asumir o risco de publicar, distribuír e dar a coñecer unha obra. 

En España prolónganse, con carácter xeral, durantetoda a vida do autor e setenta anos após do seu pasamento; despois, a obra pasa ao dominio público e pode utilizarse libremente.

 

O desafío de protexer o coñecemento escrito en internet 

A expansión do dixital aumentou as posibilidades de acceso á cultura escrita, mais tamén propiciou que se utilicen os textos sen a xusta retribución aos seus autores con maior facilidade. 

Por iso, máis que nunca, a protección dos dereitos de autor da cultura escrita é un dos grandes retos na actualidade. A pirataría, o plaxio ou o uso non autorizado de obras –agora tamén por parte de sistemas de intelixencia artificial– ameazan a viabilidade de quen crean e editan. 

Este é un problema que afecta ao conxunto da sociedade. Cando se utiliza unha obra sen permiso, estamos prexudicando o seu autor, que non percibe a súa remuneración, e o editor que decidiu investir nela, mais tamén a todos os cidadáns, pois estamos comprometendo a viabilidade dun sector esencial para o progreso da sociedade, o da cultura. 

Por iso existen entidades de xestión colectiva como CEDRO, cuxa misión é protexer os dereitos de autor, velar polo uso legal das obras e impulsar iniciativas de apoio a autores e editores.  

Sé parte do futuro da cultura: fórmate coa Escola do Dereito de Autor 

Mais a responsabilidade de protexer a cultura escrita non é só tarefa das entidades de xestión, das editoriais ou os xuristas. Forma parte dos deberes cidadáns e, por tanto, é esencial saber como protexer os dereitos de autor. 

Esa é a finalidade da Escola do Dereito de Autor (EDA), unha iniciativa educativa de CEDRO que pon a disposición de toda a sociedade –estudantes, docentes, familias e lectores– recursos dixitais e materiais didácticos, gratuítos e dispoñíbeis nas distintas linguas cooficiais. 

Os seus contidos recorren a metodoloxías innovadoras como a gamificación e permiten, ao completalos, obter o Certificado de Experto en Dereitos de Autor. 

Habilidades dixitais

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Alfabetización mediática

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Dereitos de autor

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Lecturas

  • Primaria
  • Secundaria
  • Bacharelato
  • Universidade
logo-footer
logo-Ministerio- Educaci
logo-nextgenerationEU
logo-plan-recup-GALLE

2026 © Centro Español de Derechos Reprográficos

  • Mapa Web
  • Aviso Legal
  • Política de privacidade
  • Política de cookies