Os datos do último informe da avaliación internacional PISA non deixan lugar á indiferenza. Por primeira vez, en máis de dúas décadas, desde que se iniciou a avaliación de PISA no ano 2000, España rexistra un descenso simultáneo en lectura, matemáticas e ciencias, acadando os peores resultados da serie histórica.
A fenda coa media da OCDE amplíase e presenta importantes interrogantes sobre a evolución e os desafíos do noso sistema educativo. A nivel internacional, apenas 18 países e economías conseguiron superar a media da OCDE nas tres competencias avaliadas por PISA: ciencias, matemáticas e lectura. Destacan os sistemas educativos de países como Xapón, Corea, Singapur, China (nas provincias avaliadas), Irlanda, Inglaterra, Estonia e Suíza.
A situación é especialmente preocupante na deterioración da competencia lectora. España acada 451 puntos, doce menos que a media da OCDE-35 (463), tras diminuír 45 puntos desde 2015, dos que 23 puntos foron perdidos entre 2022 e 2025.
Os resultados de PISA reflicten unha preocupante deterioración das competencias chave. De maneira aproximada, o nivel competencial que amosa un alumno medio en PISA 2025 é inferior nun curso e medio ao que presentaba un estudante en PISA 2015, un sinal do profundo retroceso experimentado nas aprendizaxes esenciais.

Fuente: INEE.
Os desafíos educativos non afectan por igual a todo o territorio español. Asturias (471), a Comunidade de Madrid (469) e Castela e León (466) lideran o rendemento lector e sitúanse significativamente por riba da media da OCDE, amosando que é posíbel obter resultados sobresaíntes dentro do propio sistema educativo español, e que existen experiencias que merecen ser analizadas para identificar factores de mellora transferíbeis ao conxunto do sistema.
Un 32 % de estudantes de 15 anos en España non acada o nivel 2 de competencia lectora, o limiar que a OCDE considera mínimo para desenvolverse na sociedade do coñecemento (un 15 % máis de alumnado demorado que en 2015). Isto significa que unha parte significativa do alumnado español presenta dificultades para identificar a idea principal dun texto de extensión moderada, para interpretar información e para reflexionar sobre a finalidade e a forma dos textos.
Unha parte significativa do alumnado español presenta dificultades para identificar a idea principal dun texto de extensión moderada, para interpretar información e para reflexionar sobre a finalidade
A este feito hai que engadir que só un 2 % do alumnado español consegue os niveis máis altos da comprensión lectora (niveis 5 e 6), aqueles asociados á capacidade de comprender textos extensos e complexos, manexar conceptos abstractos e distinguir entre feitos e opinións.

Fuente: PISA, OCDE.
En España, as alumnas continúan amosando unha vantaxe clara en comprensión lectora. O seu rendemento supera en 26 puntos o dos alumnos, unha diferenza que reflicte unha tendencia amplamente observada nos sistemas educativos internacionais. As menores diferenzas corresponden á Comunidade de Madrid (17 puntos), Rexión de Murcia (18 puntos) e Canarias (22 puntos), e as maiores a Cantabria (37 puntos) e País Vasco (36 puntos).
No noso país, a fenda de rendemento entre o alumnado nativo e o de orixe inmigrante sitúase en 35 puntos, unha diferenza importante, mais menor que a observada tanto na OCDE (44 puntos) como na Unión Europea (48 puntos). As diferenzas autonómicas sitúanse entre 20 e 61 puntos.
En España, o alumnado que non repetiu obtén, en media, 95 puntos máis en lectura fronte aos 91 puntos da media da OCDE. En Asturias, o alumnado non repetidor supera o repetidor en 104 puntos en lectura; en Andalucía, en 102 puntos.
A OCDE tratou de identificar as razóns que explican esta deterioración dos resultados durante a última década e puxo o foco na comprensión lectora, unha competencia chave para a aprendizaxe en todas as áreas do currículo. A súa análise apunta á interacción de múltiples factores educativos, sociais, culturais e económicos que afectan simultaneamente ás oportunidades de aprendizaxe do alumnado e que exixen respostas integrais desde as políticas educativas, os centros escolares e as familias.
En primeiro lugar, obsérvase unha diminución da atención, a concentración e a perseveranza ante tarefas complexas. As dificultades para enfrontarse a textos longos e exixentes convertéronse nun elemento determinante do retroceso xeral, ao tempo que aumenta o número de estudantes que realizan lecturas rápidas e superficiais e diminúe o esforzo sostido necesario para comprender información complexa.
O alumnado de PISA 2025, nado aproximadamente en 2009, medrou nunha época de múltiples transformacións e desenvolveuse en contornas dominadas por contidos audiovisuais breves e interaccións dixitais fragmentadas, circunstancias que poden dificultar o desenvolvemento dunha lectura prolongada e reflexiva. Non é casual que o alumnado que declara ler libros en papel con maior frecuencia obteña, de xeito consistente, mellores resultados académicos.
O alumnado que declara ler libros en papel con maior frecuencia obtén, de xeito consistente, mellores resultados académicos.
A iso súmanse os problemas de comportamento e disciplina. A xestión da convivencia nas aulas resulta máis complexa que no pasado e as interrupcións son máis frecuentes, reducindo o tempo efectivo dedicado ao ensino e á aprendizaxe.
A crecente diversidade do alumnado constitúe outro dos retos identificados. A presenza de estudantes con diferentes linguas maternas, necesidades educativas específicas e traxectorias migrantes exixe respostas pedagóxicas cada vez máis personalizadas, o que incrementa a complexidade da tarefa docente.
Por último, obsérvase unha menor implicación das familias no acompañamento educativo dos seus fillos. As conversas no fogar sobre a vida escolar, a lectura ou os hábitos de estudo son hoxe menos frecuentes que en décadas anteriores, debilitando un factor que a evidencia identifica como un dos principais anunciadores do éxito académico.
No caso de España, os efectos sociais e económicos derivados da gran recesión de 2008 continúan deixando pegada en moitas familias. A necesidade dunha maior dedicación laboral por parte dos proxenitores, xunto ás crecentes dificultades para conciliar, puideron ter reducido o tempo dispoñíbel para o seguimento educativo, a crianza e o apoio cotián á aprendizaxe dos seus fillos.
PISA mostra que, en moitos países e economías, existen dificultades crecentes coas tarefas que requiren unha concentración sostida, unha maior tendencia a dar respostas precipitadas, unha menor disposición a esforzarse e unha diminución da curiosidade e a perseveranza.
A comparación entre lectores apresurados e lectores precisos e fluídos en PISA 2025 axuda a entender algunhas das mudanzas que están a observarse nos hábitos lectores dos adolescentes.
| Lectores apresurados | Lectores precisos e fluídos |
Lectura superficial | Lectura profunda |
Escaneamento rápido | Comprensión completa |
Atención fragmentada | Atención sostida |
| Respostas inmediatas | Respostas fundamentadas |
| Maior risco de erros | Maior precisión |
Dominan tarefas simples de busca | Dominan tarefas complexas de análise e interpretación |
Procesan a información de xeito fragmentario | Integran e relacionan información de distintas fontes |
Céntranse en localizar datos concretos | Constrúen significados globais e contextualizados |
Maior vulnerabilidade ante a desinformación | Maior capacidade de avaliación crítica |
| Dificultades para inferir, argumentar ou xustificar | Capacidade para inferir, argumentar e xustificar con evidencias |
Menor persistencia en textos complexos | Perseveranza ante textos extensos e exixentes |
Aprendizaxe máis inmediata e efémera | Aprendizaxe máis sólida e duradeira |
Fonte: PISA, OCDE.
Os resultados de PISA 2025 suxiren que está medrando o perfil do alumnado «lector apresurado», habituado a navegar rapidamente por contidos breves e fragmentados. Porén, as sociedades democráticas requiren lectores precisos e fluídos capaces de comprenderen en profundidade, relacionaren ideas e avaliaren criticamente a información.
Fomentar a lectura é vital para a nosa saúde democrática. Mais a única lectura sustentábel é aquela que protexe e respecta a propiedade intelectual. Ler é un dereito, mais tamén é unha responsabilidade. Formar lectores profundos e críticos hoxe é fortalecer a democracia do mañá.