logo EDA
Navbar
  • Aula
  • Campus
  • Conversas dixitais
  • Es de Libro
  • Taller
  • Outros Recursos
    • #RetoEDA
    • Guías de propiedade intelectual
    • Seminarios web
  1. comezo
  2. Blog
  3. Artigo
Blog
EDA Copyright Derechos de autor

Cal é a diferenza entre dereitos de autor e copyright?

18/11/2026
Formación en Propiedad Intelectual
Equipo EDA

É moi frecuente que se utilicen os termos dereitos de autor e copyright como se fosen o mesmo. Porén, a realidade é que cada un deles responde a un concepto diferente, cuxa orixe ten que ver con dúas tradicións xurídicas distintas.

Os dereitos de autor proveñen da tradición xurídica europea, que pon o acento no autor ou creador da obra, mentres que o copyright procede do dereito anglosaxón, onde a prioridade é a obra en si e a súa explotación.

É importante coñecer estas diferenzas, pois iso permite comprender por que en España un autor sempre conserva determinados dereitos, aínda que cedese a explotación da súa obra.

Os dereitos de autor proveñen da tradición xurídica europea, que pon o acento no autor ou creador da obra, mentres que o copyright procede do dereito anglosaxón, onde a prioridade é a obra.

 

Dereitos de autor ou copyright? O matiz filosófico que muda todo

Os dous conceptos refírense á protección da creación cultural, artística ou científica e poñen límites aos usos que terceiras persoas poidan facer dela sen autorización. Con todo, cada un deles presenta unha concepción diferente da obra e da relación desta co seu autor.

  • O dereito de autor concibe a obra como unha extensión de quen a crea, como o resultado da expresión da súa intelixencia e personalidade. Por iso, considera que, alén dos dereitos derivados da explotación económica, o creador posúe uns dereitos ligados ao seu vínculo persoal e irrenunciábel coa súa creación.
  • O copyright céntrase principalmente en quen pode distribuír, comunicar e transformar unha creación e a remuneración que debe percibirse por iso, e obvia, por tanto, ese vínculo irrenunciábel entre o autor e a súa obra.

O sistema continental europeo: prioridade do dereito moral

O modelo xurídico continental europeo emprega o termo dereitos de autor do termo francés droit d’auteur. Neste sistema, en cuxa tradición se enmarca a lexislación española, a protección non se limita á explotación comercial. Quen crea posúe dous tipos de dereitos: os patrimoniais e os morais.

Os dereitos morais son irrenunciábeis e inalienábeis. Non se poden ceder e, entre eles, están:

  • O dereito de divulgación. O autor decide se a súa obra se difunde e de que xeito.
  • O dereito de paternidade. Supón a vinculación do autor coa súa obra a través do seu nome, sinatura ou signo que o identifique. Tamén, se o desexar, pode publicar a súa obra de forma anónima ou baixo un pseudónimo.
  • O dereito de integridade da obra. O autor pode impedir modificacións, alteracións ou atentados contra a obra.
  • Dereito de modificación. O autor posúe a facultade de modificar a obra mesmo cando se tivese desprendido dela.
  • Dereito de retirada da obra do comercio. O autor pode retirar a obra por variación das súas conviccións morais ou intelectuais, previa indemnización de danos e prexuízos aos titulares de dereitos de explotación.
  • Dereito de acceso ao exemplar único ou raro. Permite ao creador acceder ao exemplar único ou raro da obra cando se ache en poder doutro, a fin de exercitar o dereito de divulgación ou calquera outro que lle corresponder.

O sistema continental europeo de dereito de autor supón, por tanto, que, aínda que un creador ceda a explotación da súa creación a unha editorial, continúa conservando estes dereitos morais ligados á súa autoría e á integridade da obra.

No sistema continental europeo de dereito, aínda que un autor ceda a explotación da súa creación a unha editorial, continúa conservando os dereitos morais ligados á súa autoría

 

O sistema anglosaxón: foco na copia e a explotación comercial

Pola súa banda, o sistema anglosaxón cuña o termo copyright, cuxo significado é «dereito de copia». Neste caso, a lexislación enfócase máis a regular a explotación da obra e a protexer os dereitos económicos asociados á mesma.

O copyright protexe fundamentalmente os dereitos patrimoniais. Recoñece o autor, mais céntrase en como se utiliza a obra e quen pode obter ingresos dela. Neste modelo, quen crea unha obra pode ceder algúns dereitos a unha empresa ou darlle permiso para utilizala dun xeito concreto.

Principais diferenzas prácticas entre ambos os dous modelos xurídicos

Alén da filosofía que os rexe, existen unha serie de diferenzas entre o modelo xurídico anglosaxón e o modelo continental europeo de dereitos de autor:

  • A titularidade da obra. No modelo europeo continental, a regra xeral é que o autor, como persoa física, sexa o titular da obra, aínda que exista algunha excepción. Porén, no copyright, a titularidade pode recaer tanto sobre a persoa física como sobre unha empresa ou outra entidade que encargase a obra.
  • Os dereitos morais. No sistema continental que rexe en España o autor non pode renunciar aos seus dereitos morais, quer dicir, a ser recoñecido como autor ou a defender a integridade da súa obra. O sistema anglosaxón si contempla esta renuncia.
  • Os usos permitidos. O sistema anglosaxón en Estados Unidos recolle o fair use, unha doutrina que permite usar unha parte dunha obra protexida sen necesidade de pedir autorización ao titular nin pagarlle, cando sexa para fins concretos como crítica, comentario, noticias, ensino ou investigación. A doutrina europea funciona con límites concretos, como o dereito de cita ou a ilustración con fins educativos. O que non está dentro deses límites require de autorización.
  • O rexistro. No sistema europeo continental a protección da obra está ligada á súa existencia sen necesidade de ser rexistrada. En Estados Unidos e no Reino Unido, a protección tamén é automática. En Estados Unidos, como regra xeral, o rexistro é necesario para iniciar unha demanda por infracción de dereitos de autor, mais non é unha exixencia xeral do sistema anglosaxón.

Aspecto

Dereito de autor (continental)Copyright (anglosaxón)

Fundamento

Vínculo persoal entre autor e obra

Incentivo económico á creación

Autor

Regra xeral: persoa física que crea a obra

Pode selo unha empresa

Dereitos morais

IrrenunciábeisLimitados ou renunciábeis

Usos libres

Límites taxados na leiFair use ou fair dealing

 

Como conviven ambos os dous sistemas na lexislación de España?


A lexislación española pertence á tradición europea continental. A convivencia entre ambos os dous modelos prodúcese a través dos tratados internacionais.

O Convenio de Berna para a Protección das Obras Literarias e Artísticas estabelece que os países que o subscribiron deben protexer as obras estranxeiras como se fosen nacionais. A el súmanse os tratados da Organización Mundial da Propiedade Intelectual e o Acordo sobre os ADPIC, que harmonizaron certos estándares de protección.

O principio de territorialidade é o que ordena esta convivencia. As obras están protexidas pola lei do país en que están sendo utilizadas.

O principio de territorialidade é o que ordena esta convivencia. As obras están protexidas pola lei do país en que están sendo utilizadas. Por exemplo, se un artigo científico escrito en Estados Unidos é fotocopiado nun instituto de Madrid, deben respectarse os principios da Lei de Propiedade Intelectual española, cos límites de reutilización. Os dereitos morais dos seus autores deberían tamén contemplarse, aínda que renunciasen a eles no seu país de orixe.

Esta circunstancia fai especialmente útil coñecer a lexislación española en materia de dereito de autor sempre que se vaian reutilizar obras escritas en calquera contexto laboral ou educativo, aínda que a procedencia destas for unha web ou institución internacional.

Desenvolve as túas competencias dixitais e éticas coa Escola do Dereito de Autor

Nun mundo globalizado e dixitalizado, cada vez é máis importante coñecer as diferenzas lexislativas entre países e como se aplican en virtude dos tratados internacionais.

Buscar contido, descargalo e compartilo é unha práctica habitual. Por iso, é esencial coñecermos as normas que protexen a quen crean eses contidos para garantirmos a continuidade da creación a través da súa xusta remuneración.

A Escola do Dereito de Autor conta con recursos gratuítos para afondar nestas cuestións dun xeito fácil e ameno.

© Shutterstock

Habilidades dixitais

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Alfabetización mediática

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Dereitos de autor

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Biblioteca

  • Primaria
  • Secundaria
  • Bacharelato
logo-footer
logo-Ministerio- Educaci
logo-nextgenerationEU
logo-plan-recup-GALLE

2026 © Centro Español de Derechos Reprográficos

  • Mapa Web
  • Aviso Legal
  • Política de privacidade
  • Política de cookies
Usamos cookies de análisis (Google Analytics) para mejorar la experiencia. Puedes aceptar o rechazar su uso.